Thursday 25 de April de 2024

A aula CeMIT de Ortigueira súmase a percorrer o Camiño de Santiago de forma virtual


· O equipo do centro anima aos seus usuarios e usuarias a participar na proposta ‘Camiña en dixital’, coa que se promove a actividade física e o uso das novas tecnoloxías

A aula CeMIT de Ortigueira súmase a percorrer o Camiño de Santiago de forma virtual. Con motivo do Día da internet, que este ano se celebra baixo o lema “Tecnoloxías dixitais para as persoas maiores e o envellecemento saudable”, a aula ortigueiresa súmase á proposta lúdico-formativa ‘Camiña en dixital’ da Asociación Somos Dixital.

A iniciativa, destinada aos centros de competencias dixitais de toda España, consiste en realizar 764 quilómetros do Camiño Francés. Para conseguilo, as persoas participantes deben medir os seus paseos diarios a través dos seus dispositivos dixitais e despois compartir os datos coa aula CeMIT de Ortigueira. Poden facelo a través dunha captura de pantalla dos quilómetros realizados.

Unha vez recompilada, esta información trasladarase á plataforma Camiña en Dixital para avanzar de forma colaborativa e conxunta na andanza a Santiago de Compostela. A data límite para completar o Camiño será o 18 de maio.

Unha actividade que desde o Concello tachan de satisfactoria en todos os sentidos, debido a que promove a actividade física entre os usuarios e usuarias da aula ao mesmo tempo que ensina a manexar as novas tecnoloxías: GPS, apps que miden distancias, capturas de pantalla, uso de mensaxería móbil ou edición de fotografía, entre outras.

As persoas que queiran saber máis sobre o reto poden atopar toda a información no link https:// caminaendigital. com/.